Tuesday 14 de May de 2024

O curso de drons organizado polo Concello de Brión remata cunha sesión de prácticas de voo


O Concello xa pensa nunha segunda edición do curso para 2017 debido ao éxito de participación acadado
Os vinte alumnos e alumnas que participaron no curso de manexo de drons organizado polo Concello de Brión realizaron unha última sesión de prácticas de voo, que serviu de colofón a esta interesante acción formativa impartida en colaboración coa empresa Meudron. O alumnado que participou nesta innovadora iniciativa puido experimentar a sensación de voar un destes aparellos nas instalacións do pavillón polideportivo municipal e mesmo se animaron a pilotar no exterior do inmoble.

As prácticas de pilotaxe, dirixidas por Miguel Anxo Gómez, resultaron tan interesantes que, como formación extra, repetirán experiencia no aeródromo de Cacheiras para voar os dispositivos sen ningún tipo de restrición. Segundo Antonio Casal, encargado da Aula CeMit de Brión, algúns dos alumnos “aproveitaron o curso de tal modo que van presentarse ao exame para obter a licenza oficial de piloto que expide a ATO, certificada pola Agencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA)”. Ademais, Antonio Casal tamén adianta que “dado o éxito e como quedou xente en listaxe de agarda xa se está pensando en organizar unha segunda edición do curso para o vindeiro ano”.